Thursday 02 de May de 2024

San Sadurniño aproba inicialmente o orzamento para 2019 e tamén o reparto do POS+ da Deputación


 

Menos de 50 minutos foron suficientes para abordar e debater os dous puntos que incorporaba a sesión do pleno extraordinario celebrada na tarde deste mércores. Dunha banda sometíase a consideración da corporación o documento orzamentario que rexerá o funcionamento municipal ao longo do ano que vén e, da outra, a relación de proxectos que se acollerán ao POS+ da Deputación da Coruña.

Asuntos que son os de maior trascendencia para a marcha do Concello nos próximos doce meses e que, ademais, lle ofrecían aos grupos políticos a posibilidade de deixar patente a súa visión política ao respecto de como deberían investirse os recursos públicos dispoñibles e os que poidan vir nos próximos meses.

Porén, o que prometía ser un encontro cun intenso e profundo contido dialéctico rematou sendo un intercambio sosegado de puntos de vista que non xerou demasiada controversia máis aló das posturas á hora de votar un proxecto orzamentario lixeiramente superior aos 3 millóns de euros, que saiu adiante só cos apoios do BNG, mentres que o PP votou en contra e a representate do PSOE optou por absterse.

O grupo de goberno defendeu o documento como “o máis social” dos últimos anos, habida conta de que é nese apartado onde se produce o maior incremento con respecto a 2018. De feito, o proxecto orzamentario é 210.000 euros superior ao deste ano, o que significa unha subida dun 7,6% que se traducirá, principalmente, no incremento en 4.000 horas da prestación do Servizo de Axuda no Fogar e en maior dotación para colaborar co tecido social do territorio.

Seguindo a quenda de intervencións, a representante do PSOE anunciou a súa abstención amparándose nos informes da Intervención municipal que, aínda sendo favorables, sinalan un previsible incumprimento da regra de gasto establecido pola normativa estatal. Unha norma criticada polo voceiro nacionalista xa que, ao seu xuízo, limita a marxe de manobra de concellos que, coma San Sadurniño, dispoñen de recursos propios para investir e “están totalmente saneados economicamente”.

Pola súa banda, o PP cualificou as contas como “infladas”, aínda que si felicitou ao grupo de goberno por ter apostado polo incremento das horas no Servizo de Axuda no Fogar. O Partido Popular tamén aludiu ao incumprimento da regra de gasto e xustificou parte do seu rexeitamento ao proxecto orzamentario en que os gastos non estarían cubertos por unha previsión de ingresos realista, sobre todo no tocante á recadación por IBI. Un extremo este último que contraargumentou o grupo nacionalista precisando que esas previsións estarían amparadas polos padróns deste imposto.

Onde si houbo un acordo unánime de todos os concelleiros e concelleiras presentes foi no segundo tema da sesión: a aprobación da distribución dos fondos do POS+, que supoñen 506.000 euros fixos máis 276.500 do Plan Complementario.

Segundo debullou o portavoz do BNG, Suso Soto, uns 22.900 euros dedicaranse ao pagamento a provedores, 221.400 reservaranse para gasto corrente e 110.000 -máis 23.000 euros de achega municipal- irán parar a investimentos na rede viaria, ao igual que os 112.000 da liña crediticia sen xuros e dous anos de carencia facilitada pola Deputación da Coruña. Por outra banda tamén se aprobaron os proxectos do denominado Plan Complementario, con catro actuacións por valor de 276.500 euros, tres delas referidas a pavimentación de estradas municipais e unha cuarta que se concretaría na construción dun local anexo ao centro sociocultural de Lamas.